Convocan asemblea aberta no Toral para informar da reforma laboral e preparar a Folga Xeral Nacional de marzo

Facémonos eco da convocatoria do sindicato nacionalista CIG para informar sobre a reforma laboral aprobada polo Executivo español e iniciar os preparativos da Folga Xeral Nacional de marzo. A central galega convoca aos homes e mulleres de Compostela a unha asemblea aberta a celebrar mañán quinta-feira 16 a partir das 20:15 h. na praza do Toral. Ali informarase sobre a perda de dereitos laborais e salariais que implica a reforma, así como da necesidade da Folga Xeral Nacional.

O grupo municipal da Candidatura do Povo chama á veciñanza a participar nesta asemblea aberta e comprometerse activamente nos preparativos da folga convocada para marzo. É tempo de organizarse e respostar con contundencia aos poderes financeiros, empresariais, políticos e mediáticos que degradan as nosas condicións de vida e traballo. 10.000 veciñ@s sen traballo e 22% do censo municipal vivindo no límite da pobreza ou na pobreza severa son poderosas razóns para reaxir.

16-M TODOS E TODAS Á RÚA

Deixar un comentario